O IV Congreso Internacional de Turismo e Deporte e Sportur promocionan a Galicia como un destino activo e saudable

>> O Congreso, que contou con 500 inscritos entre presenciais e virtuais, foi o escenario elixido polo Cluster Industria do Deporte de Galicia para presentar o plan “2 Millóns” que busca chegar a esta cifra de persoas activas en Galicia en 2030

>> Sportur Galicia contou coa participación activa de 4.000 visitas de todas as idades, dende escolares ata maiores que fixeron tai-chi ou cachibol no recinto de Expourense

Ourense, 01.12.2023.- Expourense pecha esta tarde as portas da sexta edición de Sportur Galicia e da cuarta do Congreso Internacional de Turismo e Deporte logo de visibilizar durante dous días o papel que xoga o deporte como motivación turística e promocionando a Galicia como un destino ideal para a práctica do turismo activo e de actividades vencelladas coa natureza. En total, ambas as dúas citas reuniron 4.500 visitas en Expourense.

Esta segunda e última xornada do Congreso estivo marcada pola presentación en Expourense do Plan “2 Millóns” a cargo do Clúster da Industria do Deporte e o Benestar de Galicia. Trátase dun proxecto nacido co propósito de incentivar a práctica de actividade física e acadar o reto de chegar a 2 millóns de persoas activas en Galicia no 2030 (na actualidade a cifra non chega ao 1.300.000). A xerente do Clúster, Sofía Toro, afirmou hoxe en Expourense que “se cumprimos este ambicioso reto Galicia estaría en cifras similares ás dos países nórdicos e seríamos a comunidade autónoma con maior porcentaxe de práctica deportiva”.

Tamén explicou que “activar a 700.000 persoas implicará un aforro de 700 millóns de euros en gasto sanitario, un aumento de 140 millóns anuais no volume de negocio da industria do deporte e unha xeración de máis de 2.000 postos de emprego”. Tamén anunciaron que os 7 grandes concellos dfeste Galicia (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ferrol) xa manifestaron o seu compromiso de sumarse a este plan. Despois desta presentación, o Clúster celebrou a súa Asemblea Anual de Socios na que participaron 40 representantes de empresas do sector.

Nesta segunda xornada tamén se presentou como caso de éxito replicable a Galicia o do Concello de Candeleda de Gredos, na provincia de Ávila, un proxecto deportivo que é tyamén un lugar para vivir”. Por outra parte, dende a Dirección Xeral do Patrimonio Natural da Xunta de Galicia presentou ós parques naturais da comunidade explicando qué tipo de actividades de turismo activo se pode facer ou non neles.

O congreso concluíu nunha mesa redonda na que distintas empresas de turismo activo expuxeron os novos retos aos que se enfronta o sector e as diferencias en cómo manexar ao usuario deportista recurrente (turismo deportivo) ao turista puntual que quere vivir experiencias na natureza (turismo activo). Precisamente outro dos retos do sector é a dixitalización, tema do que falou hoxe tamén o xerente de Padelprix, Jaime Bargiela.

Entre os datos que saíron a relucir neste congreso están os datos de que o sector do deporte representa o 2,63% do PIB de Galicia, cunha facturación anual de ao redor de 1.600 millóns de euros e que xenera 12.000 postos de traballo en 2.288 empresas. Na actualidade están rexistrados en Galicia 5.767 clubes deportivos con máis de 282.000 persoas federadas.

Sportur Galicia

Sportur Galicia foi o escenario elixido por unha trintena de federacións deportivas para convocar en Expourense aos seus deportistas e organizar adestramentos, competicións ou exhibicións de deportes como o atletismo, a ximnasia rítimica, o karate, o wu-shu, o xadrez, a esgrima antiga, o futbol, o badminton, halteroflia, hockey, tenis, cachibol, etc. Durante este segundo día de Sportur celebrouse unha nova xornada do “Xogando ao Atletismo” promovido pola Secretaría Xeral para o Deporte coa colaboración de Expourense e do profesorado e alumnado do Ciclo Superior de Acondicionamento Físico do CIFP A Farixa. Participaron nesta xornada máis de 300 escolares de Secundaria de centros educativos da cidade de Ourense.

Nesta tarde de venres tamén foron impartidas dúas conferencias venelladas unha ao deporte e outra ao turismo activo. A primeira delas foi a organizada pola Real Federación

Galega de Fútbol na que o psicólogo deportivo Cristhian Fernández falou sobre “Psicoloxía no adestramento de Fútbol Sala. Ansiedade precompetitiva: cómo nos afecta no fútbol sala feminino”. Tamén se impartiu unha charla sobre “Rescate e primeiros auxilios no Medio Natural” que stivo coorganizada entre Tesgalicia e o GREIM de Trives. Esta segunda xornada rematou coa celebración dun torneo de xadrez cunha trintena de participantes.

As visitas tamén pudieron realizar controis de azucre en sangue ou realizar un estudio antropométrico. Relacionado coa formación, pudieron cocñecer as distintas opcións vencelladas ao turismo e ao deporte que ofrece a Formación Profesional en Galicia e tamén a que ofrecen as Forzas Armadas españolas.

Sportur Galicia e o Congreso de Turismo Deportivo estiveron organizados por Expourense co apoio Secretaría Xeral para o Deporte e da Deputación Provincial de Ourense.

Remata así unha nova edición de Sportur Galicia que supón a última cita do calendario feiral de Expourense para este 2023. É un salón de transición cara a actividade deportiva na pista de atletismoque xa comeza este mesmo domingo coa celebración do Trofeo de Atletismo en Pista Cuberta de Abanca.