Sportur e o Congreso Internacional de Turismo e Deporte contribúen a posicionar ao deporte como motivación turística para visitar Galicia

>> O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, presidiu o acto de apertura da quinta edición deste congreso e da 7ª do Salón de Turismo e Deporte que se celebran hoxe e mañá en Expourense e destacou o papel dos eventos deportivos como principais dinamizadores da sociedade e da economía dun territorio

>> 600 escolares de 15 colexios da provincia de Ourense e contorna participaron hoxe na actividade “Xogando ao Atletismo” e nas máis de 90 propostas deportivas e vencelladas coa adopción de hábitos saudables

Expourense deu comezio esta maña a unha dobre cita que ten o obxectivo de posicionar a Galicia como un destino deportivo, activo, sostible, agradable e saudable ao tempo que serve de escaparate para promocionar a actividade que federacións, clubes e asociación deportivas galegas realizan ao longo de todo o ano. Estas citas son o V Congreso Internacional de Turismo e Deporte e a VII edición de Sportur Galicia, o Salón do Deporte e Turismo Activo. O secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa (acompañado polo vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández) presidiu o acto de apertura deste dobre evento subliñando que “turismo e deporte son dúas caras dunha mesma moeda” e puxo en valor o papel que xogan os eventos deportivos como principais dinamizadores da sociedade e da economía dun territorio. Ademais, segundo indicou, “o principal obxectivo de Sportur e do Congreso é contribuir a que o deporte ocupe un lugar preferente como motivación turística á hora de elixir Galicia como lugar de visita”.

O V Congreso Internacional sobre Turismo e Deporte que comezou hoxe en Expourense celébrase de xeito paralelo e indisoluble con Sportur Galicia, o VII Salón do Deporte e Turismo Activo. Son dúas citas complementarias que reflicten o bo momento que tanto o deporte como o turismo deportivo viven en Galicia. Estes dous eventos abriron as portas esta mañá en Expourense rexistrando un alto índice de participantes, xa que o congreso foi seguido por máis de 300 asistentes (presenciais e en liña) e nas actividades de Sportur Galicia participaron 600 escolares de Educación Primaria procedentes de 15 centros escolares da provincia de Ourense.

Durante a súa intervención no acto inaugural, o secretario xeral para o Deporte aproveitou os tres eixos temáticos do congreso (formación dos profesionais do deporte, o turismo deportivo inclusivo e as ciudades activas) para relacionalos con proxectos que están a promover dende a entidade que dirixe facendo referencia ademais a que o “Centro Galego de Tecnificación Deportiva se está a converter nun centro integrado de tecnificación e alto rendemento que posibilitará dar resposta ao incremento do alto nivel en Galicia que xa acada 1.456 deportistas recoñecidos, o número máis alto da historia”. O secretario xeral asegurou que ter aos mellores deportistas en Galicia, como xa sucede en deportes como o piragüismo ou o tríatlon, de xeito permanente posibilita que a nosa comunidade afiance a súa posición como referente nacional e internacional do deporte.

V Congreso Internacional de Turismo e Deporte

O V Congreso Internacional de Turismo e Deporte conta coa participación de 20 expertos que están a analizar o potencial e a influencia do deporte na oferta turística dun destino. O deporte está entre as tres principais motivacións dos turistas estranxeiros que visitan España o que é, sen dúbida, unha oportunidade para a diferenciación dos destinos e para o seu desenvolvemento económico. Destaca a participación como asistentes presenciais do alumnado de Formación Profesional de Galicia de ciclos vencellados coa actividade deportiva, co tempo libre e a natureza ou con turismo de centros como o IES Porto do Son, o IES Sabón de Arteixo, o IES Terras de Turonio de Gondomar ou o CIFP A Farixa de Ourense que desprazaron ao seu alumnado ata Expourense.

 

As distintas ponencias deste congreso están a xirar sobre tres grandes bloques temáticos. O primeiro deles é a presentación de distintas políticas e programas para conseguir “cidades activas” como caso de “Senderos Azules” concedidos pola Asociación de Educación Ambiental e doconsumidor (Adeac) e que propón convertir as poboacións en contornas “sostibles, activas, saudables e agradables”. Sobre este tema foron presentados varios casos de éxito de áreas onde xa se implantou este programa como é o caso de Alfas del Pi en Alicante ou a Rexión de Murcia. Cabe destacar que Galicia, con 49 “Senderos Azules” recoñecidos, é a comunidade líder en España.

 

O segundo dos bloques temáticos é o turismo activo inclusivo promovido pols relatoras da Fundación ENKI (especializados en turismo inclusivo) que contou ademais coa participación de representantes de Turismo da Xunta de Galicia e da Deputación de Ourense. Nunha das mesas sobre este tema participou Yosu Vázquez, creador de “Senderos Accesibles”, que son guías de montaña especializadas para persoas con discapacidade.

 

E o terceiro dos fíos condutores deste congreso foi a formación e a cualificación profesional dos traballadores dos sectores do turismo deportivo e activo. Contou coa participación de empresas especializadas en formación deste sector, por representantes da Federación Galega de Surf e polo presidente da Federación Galega de Montañismo. A ponencia do CEO de SAFE Formación, Pablo López, sobre “Aproveitamento de Contornas Naturais. Formación para o máximo aproveitamento dos Destinos” foi unha das que maior interese espertou nesta primeira xornada entre o alumnado presente.

 

A asistencia a este congreso é gratuíta e pode seguirse dende Expourense ou de xeito virtual a través do link: https://sporturgalicia.com/streaming/.

 

SPORTUR GALICIA

Os 600 escolares de Educación Primaria de 15 centros da provincia de Ourense que acudiron hoxe a Sportur Galicia pudieron participar activamente nas máis de 90 opcións que ofrece o programa so salón. Comezaron a xornada participando na campaña “Xogando ó Atletismo” promovida dende a Secretaría Xeral para o Deporte e coincidindo coa instalación da pista de atletismo cuberta instalada no recinto e que supón o punto de partida da tempada deportiva de Expourense. Aos escolares desta mañá, hai que sumar os participantes das actividades que terán lugar esta tarde e que mobilizarán tamén a varios centos de persoas xa que se celebrarán varias exhibicións de clubes deportivos como é o caso do wushu, a loita, o Karate, o hockey herba, a patinaxe ou a esgrima antiga. Tamén participan as Escolas Deportivas Municipais do Pereiro de Aguiar e a de San Cibrao das Viñas.

Sportur Galicia, VII Salón do Deporte e Turismo Activo convocou a medio cento de participantes entre os que destacan as federacións e clubes deportivos de Galicia que comparten espazo con destinos de turismo activo e vencellados coa natureza de Galicia e Portugal. Trátase dun evento destinado a todos os públicos (deportistas, afeccionados ou

principiantes de todas as idades, ademais das familias) para que poidan coñecer as opcións vencelladas co turismo activo e o deporte que ofrecen expositores como o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra ou os concellos de A Pontenova, O Pereiro de Aguiar, Matosinhos ou de entidades deportivas e educativas de Melgaço ou Ponte de Lima.

Sportur Galicia e o Congreso Internacional de Turismo e Deporte está organizado por Expourense co apoio Secretaría Xeral para o Deporte e da Deputación Provincial de Ourense.