O VI Congreso Internacional de Turismo e Deporte promove o deporte como ferramenta terapéutica que reduce o gasto sanitario e aumenta a calidade de vida

>> O VI Congreso Internacional sobre Turismo e Deporte contou con 400 asistentes que seguiron a unha vintena de relatores que abordaron tamén temas como o turismo accesible ou o financiamiento de eventos deportivos

>> Con este congreso e coa pista de atletismo xa instalada, Expourense remata o calendario feiral de 2025 e dá comezo á tempada deportiva 2025/2026

Por cada euro invertido en actividade física, poden chegar a aforrarse 5 en gasto sanitario. Sobre esta premisa recollida na denominada “Receita Deportiva” xirou a segunda xornada do VI Congreso Internacional de Turismo e Deporte – Sportur Galicia que concluíu hoxe en Expourense logo de contar cunha vintena de relatores e ao redor de 400 asistentes, entre presenciais e en liña.

A receita deportiva foi explicada nesta sesión por José Luis Herreros, presidente do Colexio de Licenciados en Educación Física y Ciencias da Actividade Física e o Deporte da Comunidade Valenciana e Técnico de Deportes en Mislata. Explicou o programa «ViuActiu» de Benicarló, que ten como obxectivo que os médicos de Atención Primaria poidan prescribir aos seus pacientes con patoloxías derivándoos a profesionais deportivos para crear plans de actividade adaptados, usando o deporte como ferramenta terapéutica xunto á medicación. Este programa funciona derivando pacientes dende centros de saúde a instalacións deportivas para que expertos en actividade física deseñen rutinas personalizadas.

Pola súa parte, o xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel, explicou aos asistentes os pasos a seguir para inscribirse no programa “Adestra a túa saúde” que promove a receita deportiva e que está en pleno proceso de implantación en Galicia xa que de momento só conta con 23 concellos adheridos, pero esta cifra multiplicarase nos vindeiros meses. Tamén participou nesta mesa Isabel Rodríguez, representante do Concello de Abegondo, que foi o primeiro en Galicia en sumarse a este programa.

Dentro das actividades complementarias de este congreso, TESGALICIA impartiu hoxe un Obradoiro teórico-práctico sobre Primeiros Auxilios no deporte e turismo activo.

Con este Congreso conclúe tamén a celebración da oitava edición de Sportur Galicia, Salón do Deporte e Turismo Activo, que celebrou a parte práctica no mes de maio cos “Xogos Deportivos Inclusivos” e que reservou a parte profesional para decembro, as datas habituais desta cita. En total, ambos os dous eventos sumaron 5 días de actividade que reuniron en total a 4.400 visitantes activos.

Sportur Galicia e o Congreso de Turismo Deportivo estiveron organizados por Expourense co apoio Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Ourense.

Remata así unha nova edición de Sportur Galicia que supón a última cita do calendario feiral de Expourense para este 2025. Durant este dous días celebráronse ademais na pista de atletismo de Ourense dúas xornadas “Xogade” que convocaron en total a 900 escolares de Primaria e Secundaria da cidade de Ourense e arredores. O sábado 20 de decembro, Expourense acollerá o Campionato de España de Atletismo Clubs Sub-20 Short Track.