15-11-2018 Sportur Galicia converte a Expourense nun gran parque multiaventura que promociona a Galicia como destino de turismo activo

  • >> A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, presidiu o acto de apertura desta cita que convoca a 125 expositores e ofrece máis de 100 actividades

    >> Esta cita serve de escaparate do traballo realizado polas federacións e clubes galegos e presenta novas opcións para aqueles que gocen practicando deporte

Ourense, 15/11/2018.- Sportur Galicia abriu esta mañá en Expourense as portas da súa segunda edición convertido no mellor escaparate para dar a coñecer o labor que realizan ao longo de todo o ano as federacións e clubes deportivos de Galicia ofrecendo un programa con máis de 100 actividades orientadas a promover unha vida activa, saudable e en contacto coa natureza. Esta cita, que concluirá o sábado 17 ás 20.00 h., ven demostrar o perfecto binomio que en Galicia forman o turismo e o deporte á hora de vender á nosa comunidade como destino entre mercados de proximidade incluíndo ademais a presenza de expositores de Asturias e do Norte de Portugal. 

Sportur Galicia 2018 foi inaugurado esta mañá pola secretaria xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Marta Míguez, acompañada polo alcalde de Ourense e vicepresidente executivo de Expourense, Jesús Vázquez; polo vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández; e polo presidente do Clúster de Turismo de Galicia Cesáreo González. Durante a súa intervención indicou que “coa celebración de Sportur Galicia e da Carreira de San Martiño, Ourense convértese no epicentro do deporte galego”. Explicou ademais o feito de que esta cita se celebre en Expourense, “un recinto que grazas a súa compatibilidade conta coa máxima ocupación a nivel feiral e deportivo e que contribúe a posicionar ao atletismo galego a nivel nacional ao tempo que desestacionaliza a oferta turística que ofrece Ourense”. 

Durante estes tres días, o recinto de Expourense convértese nun gran parque multiaventura que ofrece un completo programa de actividades dirixidas tanto aos deportistas profesionais como aos afeccionados como tamén para as familias xa que lles permitirá practicar deportes xa coñecidos e descubrir outros novos, así como coñecer novos destinos próximos onde gozar da natureza. Esta cita permite gozar de clases abertas para os visitantes, adestramentos, exhibicións e tamén de torneos e campionatos.

Entre as actividades permanentes que poden gozarse ao longo dos tres días de feira destacan o rocódromo, a ponte tibetana, o remo indoor, os simuladores de navegación ou tiro, a pista de pitch and putt, os obradoiros de maquillaxe e chapas ou os xogos tradicionais. Tamén se promoven hábitos de vida saudables promovidos por entidades como o centro Médico ERl Carmen o a Asociación Diabética Auria e pódese participar na xincana de reciclaxe promovida por Coca-Cola. Unha das novidades deste ano son a  posibilidade de sobrevoar o recinto feiral no globo aerostático cedido por REMAX (disponible mañá venres e o sábado) ou de facerse fotos nos escearios polos que pasou “La Vuelta Ciclista”.

A celebración desta segunda edición serve de quecemento para a XLII Carreira Popular de San Martiño cuxos corredores recollerán os seus dorsais no recinto feiral a partir de mañá venres. Sportur Galicia acollerá ademais a entrega de medallas do ciclo de probas "Correndo por Ourense" que organiza o Concello de Ourense e que está programada para o sábado 17 ás 19.00 h. 

Turismo activo

Entre os expositores procedentes de Portugal destaca a presenza dos parceiros de Turismo Porto e Norte que animou ás cámaras municipais a presentarse como destino activo de proximidade. Dentro desta rexión tamén haberá outros destinos que participan de xeito independente como Ponte de Lima, Ribeira da Pena, Montalegre, Melgaço ou Vila Real, entre outras.

Polo que respecta a Galicia, nesta cita estanse a promocionar como destinos activos, naturais e sostibles concellos como o de Ourense, Maceda, Trives, Catoira, Arnoia, Viveiro, Dumbría ou entidades como o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, entre outros. Tamén participa o de Ribadesella, en Asturias.

Grandes deportistas

Sportur convoca tamén a destacados deportistas que están a visitar o salón e conviven cos visitantes a través de charlas ou de sinaturas de autógrafos. Nesta primeira xornada contouse coa visita de Carlos Sá (de Montalegre, Portugal) que foi campión de Ultra Trail Portugal en 2013 e récord mundial en ascenso e descenso ó Aconcagua que fixo en 15 horas. Tamén hoxe (e repetirá todos os días do salón) contouse coa visita de Javier Pardo, piloto oficial de Suzuki que recibe aos visitantes na exposición de coches de rallye que o Inorde-Turismo de Ourense preparou para a ocasión. Tamén hoxe foi presentada a proba do Gran Fondo de Ézaro de Dumbría

Mañá venres visitarán o recinto a gañadora da medalla de ouro en Hockey herba nos Xogos Olímpicos de Barcelona 92, Maribel Martínez de Murguía, que impartirá unha charla da man do Clube de Hockey Albor. Outros deportistas que mañá contará a súa experiencia en grandes probas será o asturiano Jorge Núñez, primeiro barranquista do mundo en descender individualmente o Trou de Fer, de Isla Reunión, en África. Tamén mañá se celebra a mesa redonda sobre “Fútbol feminino, a mesma paixón” organizada pola Real Federación de Fútbol de Galici na que participarán adestradores de equipos de fútbol femininimos, unha xogadora e unha árbitro da 3º dic masculina e da 1ª femenina “Liga Iberdrola”.

Dentro do deporte local, o salón recibirá estes días a visita de xogadores de equipos como o COB-Río Ourense Termal ou da Unión Deportiva Ourense.

Accións profesionais 

Co obxectivo de combinar o binomio turismo+deporte en Galicia, Sportur reforza nesta segunda edición a súa compoñente profesional para posicionase tamén como centro de negocios a través de accións como o 2º Workshop de Turismo Activo de Galicia no que participarán 10 maioristas de viaxes especializados en turismo este sector que contarán cun completo programa que os llevará a manter reunións B2B cos representantes de destinos de turismo activo presentes no salón, así como a participar nas presentacións de destino que realicen os expositores. Tamén teñen programadas visitas turísticas fóra do recinto feiral. Estes maioristas proceden de varias comunidades de España e tamén destaca a presenza dunha empresa finlandesa que cubre o mercado do turismo activo nos países nórdicos e bálticos.

Dentro das accións dirixidas a profesionais do sector inclúese tamén a segunda edición do Seminario sobre Deporte e Turismo Activo de Galicia no queestán a participar unha vintena de expertos que abordan temas como a comercialización do produto “turismo activo”, a presentación da marca “Galicia Activa” ou os patróns de gasto turístico no deporte. Tamén se promoverá a organización de eventos deportivos respectuosos co Medio Ambiente, explicarase cómo prepararse para unha competición deportiva dende os pés ou os beneficios da Marcha Nórdica.

Sportur Galicia está organizado por Expourense coa colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte e da Axencia de Turismo de Galicia. Súmanse tamén os esforzos da Deputación Provincial de Ourense e o INORDE e o Concello de Ourense a través do Consello Municipal de Deportes e de Turismo. 

A entrada a Sportur Galicia é gratuíta. O horario de feira mañá venres e o sábado será de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.









Imágenes asociadas