A cuarta edición de Sportur visibilizará a Galicia como destino seguro para o turismo activo

O IV Salón do Deporte e Turismo Activo celebrarase en Expourense os días 19 e 20 de novembro
Conta cun programa de xornadas técnicas profesionais que presentarán casos de éxito sobre a oferta dun destino baseada no binomio turismo+deporte
Entre os expositores destacan federacións deportivas que organizarán as actividades desta edición e concellos galegos onde o turismo de natureza xoga un papel esencial na súa oferta ó visitante
Ourense, 16/11/2021.- Vender Galicia como un destino privilexiado, atractivo e seguro para o turismo activo e contribuír á desestacionalización do turismo na nosa comunidade achegando visitantes de proximidade a Galicia a través do deporte. Estes son os obxectivos da cuarta edición de Sportur Galicia, Salón do Deporte e Turismo Activo que se celebrará en Expourense os días 19 e 20 de novembro e que tamén servirá para visibilizar o traballo realizado durante todo o ano por parte das federacións e clubes deportivos da comunidade. Sportur Galicia será ademais o lugar elixido para a entrega de dorsais do II Trail Nocturna Ourense que se celebra precisamente este sábado 20 de novembro.
 
Esta cuarta edición de Sportur Galicia foi presentada esta mañá en Expourense nun acto no que participou o xefe de Deportes da Delegación territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pérez; o asesor en Políticas Deportivas da Deputación Provincial de Ourense, Bernardino González; o concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Mario Guede, e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.
 
Sportur Galicia 2021 está organizado por Expourense co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte e da Axencia de Turismo de Galicia, da Deputación Provincial de Ourense e coa colaboración do Concello de Ourense a través da Concellería de Xuventude. Esta cita celebrarase venres e sábado, o que facilitará ademais a presenza de estudantes de Formación Profesional de Galicia.
 
Sportur Galicia 2021 convoca a unha trintena de expositores entre os que se atopan federacións e clubes deportivos de Galicia e destinos de turismo activo e vencellados coa natureza. Esta cita contará con tres eixos: á área expositiva; a área formativa que inclúe as xornadas técnicas profesionais e a área deportiva. Esta última inclúe campionatos e exhibicións nas que se usará tamén a pista de atletismo cuberta instalada no recinto, unha das mellores de Europa e unha das 30 existentes no Mundo, e na que se compatibiliza unha vez máis o uso deportivo co uso feiral dentro dun dos eventos organizados por Expourense.
 
Trátase dun evento destinado a todos os públicos (deportistas, afeccionados ou principiantes de todas as idades, ademais das familias) para que poidan coñecer os servizos, produtos e opcións vencelladas co turismo activo e o deporte que ofrecen os expositores. Tamén se converterá nun bo escaparate para as federacións deportivas que aproveitarán a súa presenza en Sportur para promocionarse organizando distintas exhibicións, adestramentos, campionatos e clases abertas para os visitantes. 
 
 
Accións profesionais
A cuarta edición de Sportur Galicia reforza a súa compoñente profesional para posicionase tamén como centro de negocios a través de acción como o 4º Workshop de Turismo Activo de Galicia no que participarán 4 maioristas de viaxes especializados neste sector procedentes de España e Portugal e que manterán reunións B2B cos representantes de destinos de turismo activo presentes no salón. 
 
Xornadas Técnicas 
Sportur Galicia 2021 volverá ser un evento único que conxugue turismo e deporte con educación e coa adopción de hábitos saudables a través tanto do programa de xornadas técnicas dirixidas a profesionais como do programa de actividades, dirixido ao público xeral. 
 
As xornadas técnicas profesionais incluirán unha quincena de ponencias nas que se analizará a actualidade do turismo deportivo en Galicia dende as xeralidades ata casos concretos. Estas ponencias inclúen a presentación dos principais eixos estratéxicos do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar; unha ponencia sobre as claves para organizar campionatos deportivos, impartida polo presidente da Federación de Atletismo de Galicia; a organización de eventos de deporte amateur a cargo da Federación Galega de Hockey; ou a análise do éxito do binomio deporte+turismo en Galicia que estará impartida polo coordinador do MBA Deporte da Universidade de Vigo.
 
A finalidade destas xornadas é ofrecer novas opcións aos que xa practican deporte e animar aos demais a que tamén o fagan.  Así realizaranse presentacións vencelladas directamente con deportes como a marcha nórdica, a orientación, a ximnasia, a espeleoloxía ou a presentación do Campionato do Mundo Aventura Galicia 2021. Runmaniak, empresa organizadora da II Trail Nocturna Ourense organizará unha mesa redonda na que participarán, entre outros, Alejandro Fernández, atleta que ven de gañar por sexta vez a Carreira de San Martiño. Tamén serán presentadas as distintas opcións de deporte e lecer que poden realizarse no Ribeiro (a través das actividades promovidas polo CERLAC) ou na Estación de Montaña de Manzaneda.
 
As federacións e asociacións e clubes deportivos presentes en Sportur Galicia realizarán tamén distintas actividades. O programa completo con día e hora pode consultarse na web do evento, www.sporturgalicia.com. Os deportes que estarán representados nesta cita son: o atletismo, hockey, ciclismo ou xadrez. 
 
Haberá tamén actividades permanentes que converterán a Sportur nunha boa opción para as familias con opción como as prácticas no simulador de tiro da Federación Galega de Caza;  practicar remo indoor no stand do INORDE ou as medicións de glucosa en sangue, A estas hai que engadir as que promoverá a Concellería de Xuventude de Ourense no seu stand.
 
A entrada a Sportur Galicia é gratuíta. As novidades desta cita poden seguirse a través da súa web www.sporturgalicia.com ou dos perfís en Facebook e Twitter. O horario de feira será o venres 19: de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas e o sábado 20 de novembro de 10.30 a 14.30 e de 16.00 a 20.00 h.